
A Universidade de Vigo e o Concello de Vilagarcía de Arousa impulsan a creación nesta localidade dun bosque-escola nunha parcela municipal de cinco hectáreas, na que se fomentará a protección dun bosque atlántico de frondosas, que servirá á súa vez como área de aprendizaxe para os centros educativos da localidade. O reitor, Manuel Reigosa, e o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, asinaron este xoves o convenio de colaboración que fará posible o impulso dunha iniciativa que se insire na Rede de Bosques Atlánticos, un proxecto promovido polo investigador do Observatorio da Gobernanza G3 Óscar Briones. A administración local destinará un total de 16.000 euros á creación deste bosque-escola, que levará o nome do profesor vilagarcián Juan Manuel Pérez Eyré, recentemente falecido.
Aprobado por unanimidade polo pleno municipal, trátase dun convenio cunha duración de catro anos, prorrogable por outros catro, que contempla a creación na parcela municipal de Pinar do Rei dunha área de frondosas atlánticas, que poida ser empregada como un espazo de aprendizaxe ao aire libre, que “permita accións educativas relacionadas co coñecemento da vexetación e fauna galega”, segundo recolle o acordo.
Nese senso, o reitor destacou o positivo dunha iniciativa “que vai ter moita potencia desde o punto de vista pedagóxico, da investigación e da cooperación” e que permitirá á súa vez render homenaxe a Pérez Eyré, «un profesor que deixou unha fonda pegada» na localidade, como salientou Varela. Reigosa salientou ademais que o proxecto correrá a cargo dun “grupo de traballo magnífico”, representado neste acto por Briones e o tamén profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública Fernando Martínez, «pero vai haber moitos máis profesores e profesoras que van formar parte do desenvolvemento dos traballos futuros ao longo destes primeiros catro anos». O seu labor, engadiu o alcalde, fará posible converter esa parcela municipal, “que seguro que dentro de pouco vai ter outra imaxe”, nun espazo que “permita pensar na necesidade de ter bosques autóctonos” e que vai ser “un lugar de ensinanza e de amor pola natureza”.
https://www.farodevigo.es/arousa/2026/01/09/bosque-escuela-juan-perez-eyre-125499495.html

